
Disque basta crer nalgo con moita forza para que se cumpla, disque chega con soñalo en moitas noites de insomnio para que se faga realidade, disque é suficiente con gritalo unha e outra vez, aínda cando a prudencia aconselle silencio. Así funciona eso que chaman lei da atracción. O artista Xavier Dopazo sabe ben desa lei, dos froitos que dan a constancia e esa fe cega nas propias conviccións e na arte como alimento do espírito. Pensar que somos capaces de ir máis alá do que outros chegaron, pensar en dar un paso máis nese camiño, afortunadamente sen límites, da creación, e facelo cos pés na terra, na nosa terra, non pode deixar de te-la súa recompensa. Gran Reserva Galega reserva arte dabondo para aqueles que queiran seguir apostando pola arte en Galicia e para Galicia, pero tamén para o resto do mundo. Por iso apoio, como xornalista e comunicadora, pero sobre todo como impenitente soñadora, este proxecto multidisciplinar, coa seguridade de que a paixón e o talento aínda son capaces de removernos por dentro, aínda que non sexan tempos precisamente para a lírica.